Portugal é fartura
Novembro 2, 2008
John Wolf sinala no seu libro “Portugal traduzido” que “a mesa en Portugal não se edifica em torno da comunicabilidade entre os que se encontram para uma refeição. A grande ênfase colocada na fartura da mesa dilacera qualquer tentativa de regime intelectual, e representa para o esagero comportamental e de consumo“. E unha le libros así para entender a estes portugueses tan contradictorios para os nosos ollos. É gracioso ver como á saída das clases de portugués sempre te agasallan con comida no campus. Sen ir máis longe, o outro día repartían uns cereais, pero non un pequeno pacote, non davan un mínimo de 8 paquetes por persoa, e se querías maís, pois máis…fartura. A xente escorregábanlle os paquetes das mans…menuda escena. Pero é fácil ir a un supermercado, e ver vendedores a dicir,leve 5 a metade de precio, que poidas degustar 4 iogures distintos gratis, queixos, e o que desexes, todo para fomentar a compra dos portugueses. E creo que funciona…En fin, creo que algo dos temos do salazarismo está no ambiente, o vello dictador tiña fama de ser moi “sovina” (=tacaño), e que a súa gobernanta María de Jesús alá no Palacio de São Bento puxo un galiñeiro para equilibrar a economía da casa. Será por esto que preto da miña casa, no Campo dos Mártires da Pátria, andan as galiñas e os galos soltos. ¿Quizáis para equilibrar a economía do Concello? Que ben certo é que Portugal precisa de certa traducción.
Cansei de ser sexy en Lisboa
Outubro 28, 2008
Perdi o tapete…
Outubro 13, 2008
Velaí vai un imaxe da miña humilde morada de diseño uniforme do IKEA. Pero as cousas mudaron, como agardo visitas deuseme por mercar un futón, e alá me puxen a clavar puntas, pegar no martelo, atornillar, papar polvo…no medio desta árdua tarefa alá me timbrou a viciña disposta a axudar. Nin máis nin menos que a viciña da porta do lado é unha rapaza cántabra, que estudou socioloxía, está especializada en etnomusicoloxía, e ten unha bolsa post-doc, e véselle feliz por terras lusas, non sei se o ter sacado a tese é unha variable dependente ou independente. En fin, que marabilla ter sociabilidad sen saír do prédio. O conto é que aínda non tiven tempo nin a petarlle na porta…pero non todos os veciños son así, non, vedes o meu lindo tapete azul no chao, pois desapareceu. Púxeno na varanda, e tamén fun a escolher o día máis ventado, e claro pola mañá, desapareceu da varanda, no chan non había nin rastro. Baixei medio asonecada, dúas hipóteses eran posibles: ou ben os barrendeiros o tomaron por lixo, ou ben alguén se quedou co meu tapete. A segunda opción é a máis acaida, pois vin restos dos seus fios azuis polas escaleiras, chegan ata o segundo andar. Aínda gardo a esperanza de atopolo algún día…o chan nunca será o mesmo sen él. Cada vez que vexo a porta dos vizinhos aberta, non podo deixar de mirar para dentro (cual boa portuguesa) e atopalo alí, saudoso…eu nunca o esquecerei. Este post vai dedicado a ele: Requiém por un tapete!
Kitty Genovese
Setembro 24, 2008
Hoxe tiven a miña primeira clase de inglés aquí en Lisboa. No ILNOVA, centro de linguas que depende da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas, tes bastantes opcións para escoller. Outro día falarei das línguas e Portugal, ou de cómo funciona aquí a xestión ou o “concepto” de planificación. Pero hoxe tócalle á visión que os propios portugueses teñen de sí mesmos: aterradora. A clase moi dinámica foi unha conversa constante e unha comparativa de cómo funciona distintas cousas en Inglaterra, Portugal e Galicia/Spain. O punto chegou ó máis grotesco, o aumento da delincuencia en Portugal, que achacaban á chegada de brasileiros/as. Sen argumentos racistas, senón máis ben, acusando ó goberno da falta de control. Ó principio, unha contou que lle entraron a roubar na casa dos pais, e que foron buscar á policia, e este díxolles que iría pero que tiña o “car out of petrol“, e que non había presuposto para mercar máis petroleo, co que se o levaban e traían en coche que ía revisar a casa. A cousa seguiu, parecía que era a ver quen a contaba máis tremenda, estas conversas de homes típicas ou de taberna, pois a min, pois eu…pero claro, a unha uns brasileiros claváronlle un puñal nun brazo para roubala, o conto é que chamou á ambulancia, logo ó xulgado, logo pasa un interrogatorio, as de deus e cristo, e dicía que parecía ela a delincuente…Eu só daba pé a dicir: “It is incredible…”, “I can´t belive that“, “Oh, my godness“. Pero é que outra contou coma había un tolo nunha autovía, a tirarlle pedras ós coches, que baixaron cinco e que mallaron nel, que todo era sangue, e a xente mirando…pois ela chamou á policía, e a unha ambulancia, despois chegou a policía, o home parecía morte… que lle di o policía, se ten unha folla de papel para facer o informe, que non ten papel para anotar. Entremedias, e soltaba un: “Incredible“. O conto non rematou aí, ela tivo que ir testificar, interrogatorio, xuízo sete anos despois…unha loucura. Finalmente, concordaban que os portugueses son uns “boitres” e que desfrutan co sufrimento alleo, que se ven a alguén en apuros e non paran a axudalo… “For goodness sake“, dixen eu. Hoxe deuseme por Deus, que se lle vai facer. Eu que pensaba que nós éramos autocríticos e que sentíamos “autodio“, esto non é nada, os de aquí embaixo lévannos moito tramo de distancia.
Despois da clase, camiño da casa, pensaba eu…que non lles podía contar nada semellante, non me tiña pasado nada igual…ata que me din conta de que só hai un lugar perigoso no que sucedan cousas similares: a Facultade de Socioloxía. ¿Onde un mariñeiro con pinta de ser noruego lle roubou no despacho a Antía uns 300 euros, e onde previamente lle tiña roubado a María Villares? ¿Onde se ten roubado tecnoloxía ou desaparecido? ¿Onde se teñen dado misteriosas orxías nocturnas? ¿Onde se teñen consumido máis drogas e pasado? Pois sí, a Facultade de Socioloxía é o máis parecido ó mundo real. E eu pregúntome, ¿non morrería Kitty Genovese nun barrio étnico portugués?, ou peor aínda, ¿perto dunha Facultade de Socioloxía?
Turismo étnico
Setembro 18, 2008
“O turismo étnico existe onde o turista activamente procura o exotismo étnico” (Berghe, 1994). E que mellor lugar en Lisboa para practicar este ocio que en Martim Moniz. Concretamente, é obrigada unha visita ó Centro Comercial da Mouraría. Este centro comercial, lugar santo adorado polos portugueses especialmente os domingos, é un conxunto de tendas rexentadas por inmigrantes de múltiples procedencias: asiáticos, africanos e hindús, principalmente. Por alí perdémonos curiosos, compradores e turistas. Outro dos bairros esenciais a visitar é a Cova da Moura, que coma sinala, Francisco Lima da Costa, pasa a ser referente turístico e polo tanto revalorízase socialmente: “Durante muitos anos, todas as notícias sobre este bairro tinham uma incidência extremamente negativa. A partir de certa altura, quando se começou a desenvolver no bairro um projecto de turismo étnico (o Sabura), a comunicação social começou a olhar para o fenómeno da imigração numa óptica positiva. Isso tem a ver com os consumos culturais“.
O bairro ten o seu encanto, máis alá da ollada turística, pódese ver a rivalidade entre chineses e portugueses polo mercado do textil. Venden o mesmo, ós mesmos prezos, e ambos compran a maioristas da China. Unha rúa enteira a vender sosténs doutros séculos…¿quen sobrevivirá? Na esquinas estratéxicas agardan as prostitutas de rúa, nas calexas escóndese a pobreza, e se te desvías no trazado marcado pola gran avenida só atoparás superchineses coa froita a prezos incriblemente baixos, restaurantes étnicos, mozambicanos a beber a cervexa…a degradación todavía non é algo cool para saír en portada do Time Out. Os “touree”, é dicir, os inmigrantes convértense en esculturas con vida que viaxarán con nós a través do Picasa ou do Facebook. Algún día pedirán os dereitos de autor que lles roubamos.
Mação
Setembro 17, 2008
A volta a Lisboa, sempre melhor se é con compañía. Paseando polo parque Eduardo VII na procura de ver dous xardíns botánicos de comezos de século: a estufa fría (plantas e árbores de climas “fríos“) e a estufa quente (con plantas e animais de clima tropical), atopamos pechado o mesmo porque estaban a facerlle unha visita guiada ós pilotos da carreira Lisboa-Portimão 2008. Neste intre, dixemos, non imos perder o día, vamos a visitar as casetas de promoción da carreira para ver que nos agasallan. E alá baixamos, que se un bolígrafo, que se panfletos…ata chegar ó posto, no que dúas azafatas cortaban no xamón (véxase presunto) nun posto chamado Mação. Unhas doce persoas estaban en círculo a mirar o xamón. E nós alá paramos a ver que nos regalaban, a facer a parvalhõa (=parva). Unha das azafatas dime algo nun português estraño, non lle entendín…e claro, díxenlhe que “sí”; imaxinando que me preguntaría se quería provar o xamón. Era a hora da merenda co que disposta. Despois dime se coñezo os productos rexionais, eu pensado que se refería ós portugueses, e claro dígolhe que “sí”. Despois ofértame o pack da mostra: chourizo, mel, xamón embasado e aceite. Todo por 5 euros. E claro, tiven que dicirlle que “sí”. A resposta da azafata foi, pois xa que nos merca, voulle cortar unha tallada de xamón máis grande… Pero o bo do asunto, é que, un dos que andaba a mirar ven todo emocionado onda min, preséntase coma o alcalde de Mação, e dime que como é que coñezo Mação. Eu que aquelo me soaba a Monção, perto da raia galaico-portuguesa. Tiven que dicirlle que non o coñecía e que non entendera ben a pregunta da rapaza, cegada pola visión do presunto, e na hora da merenda en Portugal. O fulano, nada, panfleto vai, panfleto ben. Dime que teño que visitar Mação, e que como é que coñezo os seus productos rexionais, e eu, claro tiven que dicirlle que os de Mação, concretamente, non tiven o gosto de probalos, pero xa que levaba comigo o pack e que xa me ía tocar. Non contento con esto, o alcalde antivo a louvar o meu português, o que xa ten mérito, pois non lle entendera nadiña á rapariga. E nada, alá me pregunta que fago en Lisboa, e que estudo. Explícolle que son licenciada en Socioloxía na Coruña, e que estou a facer unha estancia de investigación en Lisboa. A esto o bo do alcalde, dime, que alá en Mação teñen un mestrado de “arte rupestre”. Tívenme que rir, porque, non sei se quería abrir un convenio con Socioloxía, podemos crear un Erasmus con Mação e postos a perder o tempo, que estuden algo de arte rupestre, e degusten os productos tradicionais. En fin, esto nos pasa por ir de luras polas casetas a ver que regalan. Agora sí, algún día terei que pasar por ese pobo, que produce o 70 por cento do presunto que se come en Portugal, ¿será que comen pouco? Con ese alcalde, a promoción está asegurada.
Museu Efémero
Agosto 11, 2008
As grandes cidades, e Lisboa é unha delas, sempre gardan un pequeno oco para a improvisación cultural e artística. Fronte á sempre inercia repetitiva de eventos veraniegos (Feiras do Libro, Salón do Cómic, Festivais…e un longo etcétera), que de por sí pode ser interesante mantelos, pero que non debían frear novas iniciativas. Os Concellos e Xunta agotan os seus orzamentos de cultura con aquelos éxitos resultóns e xa tradicionais, e para novas iniciativas queda pouco espacio (público, e quizáis tamén privado). O certo é que o Museu Efémero ten como obxetivo ampliar a noción de arte, e convertir as rúas en galerías. A exposición forma parte dun mobiliario urbano con data de caducidade, é espera da recaudación de fondos públicos que volten a reestablecer a orde. Daquela, sepultarán a arte efímera baixo capas de pinturas de cores esvaídas (tipismo portugués). Namentres, a desfrutar desta proposta do Movimento Acorda Lisboa.
Humanos
Xullo 31, 2008
Por recomendación de bitácoras alleas merquei o disco homenaxe dos Humanos a António Variações. En Humanos conflúe o mellor da música portuguesa (ó meu gosto): David Fonseca (o seu disco “Dreams in colours” é fantástico), Manuela Azevedo (do grupo Clã), Camané, Sérgio Nascimento, Hélder Gonçalves (do grupo Clã), Nuno Rafael and João Cardoso. A verdade é que Humanos soubo restacar a figura de António Variações. Él é un dos máximos expoñentes da “movida” portuguesa, morre nos 80 a causa da SIDA, despois de ter provocado a unha sociedade conservadora , ata hoxe, coas súas letras. Cancións coma “Muda de Vida“, “O corpo é que paga“, “Canção do engate“, etc. Certamente, Portugal precisa de máis Antónios. Neste caso deixo-vos cunha canción lixeira fantástica, pois en Portugal tamén se puxo de moda no seu momento de chamarlle Vanessa ás nenas (“Nome muito giro/fixe”), co que aquí vai un anaco de letra da peza:
Maria Albertina
“Maria Albertina deixa que eu te diga….
Maria Albertina deixa que eu te diga….
Esse teu nome eu sei que não é um espanto mas
é cá da terra e tem
tem muito encanto
Esse teu nome eu sei que não é um espanto mas
é cá da terra e tem
tem muito encanto
Maria Albertina como foste nessa
de chamar Vanessa à tua menina
Maria Albertina como foste nessa
de chamar Vanessa à tua menina”
P.D. Obrigada ó Pawley polas súas recomendacións en temas musicais (portugueses). Toda unha descuberta!
Travessa do Adro, 8, 3º Andar, Esquerdo.1150-001.Lisboa
Xullo 30, 2008
No alto desta pequena costa é onde eu ando a morrar. Alá na Travessa do Adro. Para subires teño dúas opcións: o ascensor do Lavra en eléctrico (o máis antigo de Lisboa, 1882, e declarado monumento nacional) ou as miñas patiñas. A primeira vez que utilicei (as miñas patiñas) pensei que rolaba para abaixo, pero todo é afacerse, se as octoxenarias poden, eu tamén. Descobrín cal é o segredo, unha paradiña nunha confitería a repoñer azucar, e a subida despois é moito máis levadeira. Subindo no ascensor, e sen querelo, produciuse uma conversa sobre se Galiza pertencía a Portugal ou a Espanha. Un portugués dizía que aquelo era Portugal, e que él entendía todo o que falaban os galegos, co cal falaban portugués. A señora asustada repetía: “Meu meninho, vosê nao sabe o que diz, além do Minho está a Espanha, e remata o Portugal“. Que risas, a senhora a dicir que non lle entendía nada ós galegos, e eu que lle falaba en galego, vai a dime: “Vosê sim, vosê sim que fala um bom português, e não os galegos”. Optei por calar, e rirme, o tema dos lindes non chegou ás mans. O certo é que aquí en Lisboa, Galiza elles moi familiar, hai libros traducidos de autores galegos, ensaios sobre a historia de Galiza, e todo o mundo ou estivo ou ten referencias. Os lazos seguen a ser fortes, a pesares de vivir de costas os unhs ós outros. Finalizo decindo, que acá tendes a vosa casa, e seredes ben recibidos/as! Ábrese o tempo de visitas a partires do día 1 de Agosto!
O Senhor Casimiro
Xullo 10, 2008
O meu mediador en Lisboa é o senhor Casimiro. Veciño, zapateiro, e home de case 80 anos. Casimiro ten un pequeno comercio, ó igual que tantos en Lisboa, de reparación de calzado, e venta de zapatos de segunda man. Él comeza a traballar ás 8 da mañá e remata ás 7 da tarde, todavía non sei cando come, pero de parar para media hora. Nin que dicir ten, que a tenda de Casimiro está aberta de luns (segunda feira) a domingo. Cando o saúdo tarda en lembrarse de quen son, pero sempre ten unha sorrisa. Todos no barrio paran onda a súa tenda a saudalo. Todos buscan zapatos que reparar no tempo en que os
zapatos vellos van para o lixo. Está o Portugal dos mall shopping e o Portugal das pequenas tendas,coma a do Senhor Casimiro. Todos a conviver en paz. Os idosos (vellos) portugueses teñen as pensións máis baixas da Unión Europea, seguidos de Hungría e da República Checa. O goberno de Sócrates introduciu o principio de sustentabilidade (esperanza de vida) no cálculo das pensións, o que vai provocará una baixada nas contías futuras das pensións. Para incentivar que se traballen máis anos ou que as cotizacións sexan máis elevadas. O senhor Casimiro vése afectado por esta reforma (social)demócrata, ó non estar xubilado, e quizáis, para chegar aos 300 euros mensuais deba seguir traballando ata os 90 anos. ¿Quizáis o espíritu salazarista non rematou na Revolução dos Cravos?
“A Providência deu-nos o dom de tornar o trabalho necessário e, felizmente, por mais que se progrida e por mais que se acumule, será sempre necessário trabalhar para viver; de outra forma os homens morreriam de aborrecimento, numa atmosfera de vício. Se, apesar desta necessidade e este dever, se chega por vezes a uma situação em que uns são condenados à inactividade para que outros vivam, é porque nós não organizámos bem a vida, ou não conhecemos o segredo de organizá-la melhor -é contrário à natureza das coisas que o trabalho deixe em alguma circunstância de ser factor de riqueza para se converter em fonte de miséria”. (Oliveira Salazar: Como se levanta um Estado, 1937)
