Mação

Setembro 17, 2008

A volta a Lisboa, sempre melhor se é con compañía. Paseando polo parque Eduardo VII na procura de ver dous xardíns botánicos de comezos de século: a estufa fría (plantas e árbores de climas “fríos“) e a estufa quente (con plantas e animais de clima tropical), atopamos pechado o mesmo porque estaban a facerlle unha visita guiada ós pilotos da carreira Lisboa-Portimão 2008. Neste intre, dixemos, non imos perder o día, vamos a visitar as casetas de promoción da carreira para ver que nos agasallan. E alá baixamos, que se un bolígrafo, que se panfletos…ata chegar ó posto, no que dúas azafatas cortaban no xamón (véxase presunto) nun posto chamado Mação. Unhas doce persoas estaban en círculo a mirar o xamón. E nós alá paramos a ver que nos regalaban, a facer a parvalhõa (=parva). Unha das azafatas dime algo nun português estraño, non lle entendín…e claro, díxenlhe que “sí”; imaxinando que me preguntaría se quería provar o xamón. Era a hora da merenda co que disposta. Despois dime se coñezo os productos rexionais, eu pensado que se refería ós portugueses, e claro dígolhe que “sí”. Despois ofértame o pack da mostra: chourizo, mel, xamón embasado e aceite. Todo por 5 euros. E claro, tiven que dicirlle que “sí”. A resposta da azafata foi, pois xa que nos merca, voulle cortar unha tallada de xamón máis grande… Pero o bo do asunto, é que, un dos que andaba a mirar ven todo emocionado onda min, preséntase coma o alcalde de Mação, e dime que como é que coñezo Mação. Eu que aquelo me soaba a Monção, perto da raia galaico-portuguesa. Tiven que dicirlle que non o coñecía e que non entendera ben a pregunta da rapaza, cegada pola visión do presunto, e na hora da merenda en Portugal. O fulano, nada, panfleto vai, panfleto ben. Dime que teño que visitar Mação, e que como é que coñezo os seus productos rexionais, e eu, claro tiven que dicirlle que os de Mação, concretamente, non tiven o gosto de probalos, pero xa que levaba comigo o pack e que xa me ía tocar. Non contento con esto, o alcalde antivo a louvar o meu português, o que xa ten mérito, pois non lle entendera nadiña á rapariga. E nada, alá me pregunta que fago en Lisboa, e que estudo. Explícolle que son licenciada en Socioloxía na Coruña, e que estou a facer unha estancia de investigación en Lisboa. A esto o bo do alcalde, dime, que alá en Mação teñen un mestrado de “arte rupestre”. Tívenme que rir, porque, non sei se quería abrir un convenio con Socioloxía, podemos crear un Erasmus con Mação e postos a perder o tempo, que estuden algo de arte rupestre, e degusten os productos tradicionais. En fin, esto nos pasa por ir de luras polas casetas a ver que regalan. Agora sí, algún día terei que pasar por ese pobo, que produce o 70 por cento do presunto que se come en Portugal, ¿será que comen pouco? Con ese alcalde, a promoción está asegurada.

Deixa un comentario