Turismo étnico
Setembro 18, 2008
“O turismo étnico existe onde o turista activamente procura o exotismo étnico” (Berghe, 1994). E que mellor lugar en Lisboa para practicar este ocio que en Martim Moniz. Concretamente, é obrigada unha visita ó Centro Comercial da Mouraría. Este centro comercial, lugar santo adorado polos portugueses especialmente os domingos, é un conxunto de tendas rexentadas por inmigrantes de múltiples procedencias: asiáticos, africanos e hindús, principalmente. Por alí perdémonos curiosos, compradores e turistas. Outro dos bairros esenciais a visitar é a Cova da Moura, que coma sinala, Francisco Lima da Costa, pasa a ser referente turístico e polo tanto revalorízase socialmente: “Durante muitos anos, todas as notícias sobre este bairro tinham uma incidência extremamente negativa. A partir de certa altura, quando se começou a desenvolver no bairro um projecto de turismo étnico (o Sabura), a comunicação social começou a olhar para o fenómeno da imigração numa óptica positiva. Isso tem a ver com os consumos culturais“.
O bairro ten o seu encanto, máis alá da ollada turística, pódese ver a rivalidade entre chineses e portugueses polo mercado do textil. Venden o mesmo, ós mesmos prezos, e ambos compran a maioristas da China. Unha rúa enteira a vender sosténs doutros séculos…¿quen sobrevivirá? Na esquinas estratéxicas agardan as prostitutas de rúa, nas calexas escóndese a pobreza, e se te desvías no trazado marcado pola gran avenida só atoparás superchineses coa froita a prezos incriblemente baixos, restaurantes étnicos, mozambicanos a beber a cervexa…a degradación todavía non é algo cool para saír en portada do Time Out. Os “touree”, é dicir, os inmigrantes convértense en esculturas con vida que viaxarán con nós a través do Picasa ou do Facebook. Algún día pedirán os dereitos de autor que lles roubamos.
